5/07/2008

O PSOE sondea novos posicionamentos a respeito de ENCE





Que o Conselleiro de Medio Ambiente non é de fiar é algo que non paga a pena repetir. Tras a aprovación da autorizacion ambiental integrada a ENCE, segue a manter na recámara a sua xogada de levar a indústria ás Pontes, unha vez que o lago de ENDESA estea cheo. Este enganoso Traslado que agarda por un acordo coa celulosa que depende, mui posívelmente, dos cartos públicos que a Xunta estea disposta a mobilizar. Mentres, con esta autorización, o PSOE blinda por tres anos máis a permanéncia do complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán e abre un paréntese de duración indefinida no tema "traslado-peche", á espera do desgaste de Lores e do BNG en Pontevedra, e desprega un abano de posibilidades, entre as que estaría, unha vez máis, a permanéncia da celulosa en Lourizán. Mais non nos enganemos. Se o bipartido tivese valentía política hai tempo que terían decidido fechar-lle o camiño a ENCE, forza-la a procurar unha nova ubicación e condicionar-lle esta a cumprir unha série de obrigas, entre as que se encontrarían uns novos limites de produción e un novo proceso produtivo. Mais non son capaces nen de iso, e aqui tamén ten responsabilidade o conselleiro dos tarabelos. Por certo..., do BNG. De pouco serve ver nas manifestacións a Bieito Lobeira ou a Teresa Casal, tenente de alcalde do PSOE en Pontevedra. O xogo real está en San Caetano. E o enfraquecimento das posicións nacionalistas é manifesto.

5/05/2008

Cómo entran os lodos de ENCE no Ulla?






As minas de Touro reparten-se en dous sectores, Bama e Arinteiro. No sector de Bama, cando chove, a agua escoa ou filtra-se através dos lodos que se utilizan para restaurar os taludes, e a agua accede á lagoa superior, a máis grande das duas existentes neste sector. A vexetación acuática medra nesta lagoa pero non é suficiente para neutralizar a carga contaminante. Desta lagoa sae un canal que vai dar a unha segunda lagoa, extremadamente contaminada e de aspecto azul verdoso. Desde esta lagoa, cando chove, a agua escapa libremente ao rego Xeimar, tributário do Brandelos. Este río, carregado de contaminantes orgánicos e metais pesados, chega ao rio Ulla, sendo un dos principais focos de contaminación do Ulla e, tamén, da ría de Arousa.

ENCE contamina tamén a ría de Arousa






Desde fins dos noventa, a ENCE leva resíduos da sua depuradora ás minas de Touro, onde unha empresa os deposita e emprega para a suposta restauración dos taludes da entulleira, afectados pola presenza de material carregado de sulfuros metálicos. Esta suposta restauración permite-lle a ENCE levar toneladas de lodos tóxicos que, ao se manexar sen a adecuación perimetral necesária ao redor das entulleiras, accede aos regos afluentes do Ulla, que, como sabemos, vai dar á ria de Arousa. Basta con botar un ollo ás lagoas que salpican as minas para comprobar cómo están carregadas de matéria orgánica procedente destes lodos e cómo, cando chove, sobordan e a agua contaminada vai dar aos regos Xeimar e Brandelos. Un exemplo máis da insustentabilidade do modelo industrial e selvícola de ENCE.