12/04/2008

Industria e o BNG apostan pola maniobra eólica de ENCE


Fontes ben informadas da Consellería de Inovación e Indústria teñen informado confidencialmente que a oferta de Inveravan, na que comparten intereses Manuel Jove, Jacinto Rey, Epifanio Campo e a Empresa Nacional de Celulosas ENCE, están situadas en posición de saída para se faceren con unha parte significativa dos 2.300 megavatios eólicos que sairan a concurso a mediados deste ano 2008. A través desta aposta eólica, o consórcio encabezado por estes empresários galegos e máis a ENCE podería afrontar, coa entrada de algunha caixa de aforros ou outra entidade financeira, un dos maiores negócios industriais dos últimos anos. Unha poténcia de 500-600 megavatios permitiría a este conglomerado afrontar en inmelloráveis condicións unha operación de traslado da factoría de Lourizán. O negócio eólico é na actualidade e seguirá a ser no futuro, un investimento seguro, dadas as primas que se paga por kilovátio producido deste tipo de enerxía renovável. Arregui, presidente de ENCE, xa manifestara a sua intención clara de contar coa concesión eólica antes de iniciar movimentos de traslado da factoría de Lourizán. Como dicíamos na entrada anterior, se Mocho Reboiras levantase a cabeza.....

11/24/2008

Comeza a conta atrás.O novo plano eólico desvelará a posición do BNG sobre ENCE

















Nos últimos meses ten-se agudizado a ambigüidade do BNG a respeito de ENCE, ainda que ao longo de toda a lexislatura nunca se percebeu nítidamente un posicionamento claro desta formación sobre qué facer co monopólio celulósico. Agora, tras achandar-lle o camiño á ENCE servindo-lle en bandexa unha alianza estratéxica co empresariado galego, a Consellaría de Innovación e Indústria debe decidir nos próximos dias se, como é previsível, concede un bó anaco da tarta eólica ao consórcio de Jove, Epifanio Campo e Jacinto Rey, sócios da ENCE no enxendro chamado Inveravan Gestión de Inversiones. Xa o conselleiro de Economía afirmou que o seu departamento aprovaría un posível finanzamento do traslado da factoría de Lourizán por medio da compensación eólica. E a própria ENCE avisou o pasado mes de marzo que pretende facer unha “gran planta” de celulosa en Galiza, puidendo oscilar o investimento previsto entre 150 e 250 millóns de euros. O que ven dicir que prevén, entre a factoría de Navia e a que instalen para sair de Lourizán, unha produción non inferior a un millón de toneladas de pasta de celulosa. Fica por ver se pretenden fornecer-se de madeira barata dos nosos montes e se o BNG vai traballar desde a Consellaría de Medio Rural abrindo-lle as portas dos montes viciñais. De ser así, sería un percorrido “heroico” o desta organización política. Se Moncho Reboiras levantase a cabeza….

10/23/2008

ENCE-Navia producirá 500.000 toneladas de celulosa ao ano no 2009
















A factoría de ENCE en Navia comezará a producir a un ritmo de 500.000 toneladas anuais a partir de finais desta ano 2008, levando a celulosa producida ao porto de El Musel de Xixón, para a sua exportación. O plano estratéxico de ENCE 2006-2009 contemplaba xa este incremento tras introducir melloras operativas nesta planta, que pasaría de 300 mil tn ás citadas 500 mil. Con este incremento e coa entrada en produción da factoría de Uruguai a multinacional pretende abaratar o custe de fabricación da pasta e baixar de 360 euros/tn a 253 euros/tn, afrontando desta forma en mellores circunstancias o ciclo de baixa que previsíbelmente afectará aos prezos da celulosa até o ano 2011 (ver plan estratéxico de ENCE no web da empresa). Sería interesante coñecer a contribución real a este obxectivo aportada pola compra de milleiros de toneladas de madeira queimada de eucalipto procedente dos montes ardidos no 2006 (existen estimacións de máis de tres millóns de metros cúbicos de madeira comprados pola ENCE), en operacións de mui escaso custe económico. Acompañamos unhas fotografías de ENCE-Navia.

10/08/2008

Os destrozos de Ibersilva, filial de ENCE, nos montes da Serra de Aracena, Huelva,









Que a silvicultura intensiva praticada por NORFOR na Galiza é un reflexo dun modelo amplamente extendido no mundo non nos sorprende. En calquer caso, como unhas boas imaxes falan máis do que contan as palabras, acompañamos várias fotografías tiradas nos montes da Serra de Aracena, en Huelva, en terrenos próximos ou incluidos dentro do denominado Parque Natural de la Sierra de Aracena y Aroche. Como se pode ver, a silvicultura agresiva propiciada pola indústria celulósica dista muito de ser sustentável. Ainda que a certificación forestal da FSC, a entidade certificadora máis próxima aos princípios conservacionistas, ten retirado a certificación da que gozaba a NORFOR, centos de hectareas de explotacións forestais intensivas na Sudamérica ou no sudeste asiático desfrutan ainda deste aval, o cal non fala nada en favor de FSC e de algunhas sociedades ecoloxistas que a apoian.

5/07/2008

O PSOE sondea novos posicionamentos a respeito de ENCE





Que o Conselleiro de Medio Ambiente non é de fiar é algo que non paga a pena repetir. Tras a aprovación da autorizacion ambiental integrada a ENCE, segue a manter na recámara a sua xogada de levar a indústria ás Pontes, unha vez que o lago de ENDESA estea cheo. Este enganoso Traslado que agarda por un acordo coa celulosa que depende, mui posívelmente, dos cartos públicos que a Xunta estea disposta a mobilizar. Mentres, con esta autorización, o PSOE blinda por tres anos máis a permanéncia do complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán e abre un paréntese de duración indefinida no tema "traslado-peche", á espera do desgaste de Lores e do BNG en Pontevedra, e desprega un abano de posibilidades, entre as que estaría, unha vez máis, a permanéncia da celulosa en Lourizán. Mais non nos enganemos. Se o bipartido tivese valentía política hai tempo que terían decidido fechar-lle o camiño a ENCE, forza-la a procurar unha nova ubicación e condicionar-lle esta a cumprir unha série de obrigas, entre as que se encontrarían uns novos limites de produción e un novo proceso produtivo. Mais non son capaces nen de iso, e aqui tamén ten responsabilidade o conselleiro dos tarabelos. Por certo..., do BNG. De pouco serve ver nas manifestacións a Bieito Lobeira ou a Teresa Casal, tenente de alcalde do PSOE en Pontevedra. O xogo real está en San Caetano. E o enfraquecimento das posicións nacionalistas é manifesto.

5/05/2008

Cómo entran os lodos de ENCE no Ulla?






As minas de Touro reparten-se en dous sectores, Bama e Arinteiro. No sector de Bama, cando chove, a agua escoa ou filtra-se através dos lodos que se utilizan para restaurar os taludes, e a agua accede á lagoa superior, a máis grande das duas existentes neste sector. A vexetación acuática medra nesta lagoa pero non é suficiente para neutralizar a carga contaminante. Desta lagoa sae un canal que vai dar a unha segunda lagoa, extremadamente contaminada e de aspecto azul verdoso. Desde esta lagoa, cando chove, a agua escapa libremente ao rego Xeimar, tributário do Brandelos. Este río, carregado de contaminantes orgánicos e metais pesados, chega ao rio Ulla, sendo un dos principais focos de contaminación do Ulla e, tamén, da ría de Arousa.

ENCE contamina tamén a ría de Arousa






Desde fins dos noventa, a ENCE leva resíduos da sua depuradora ás minas de Touro, onde unha empresa os deposita e emprega para a suposta restauración dos taludes da entulleira, afectados pola presenza de material carregado de sulfuros metálicos. Esta suposta restauración permite-lle a ENCE levar toneladas de lodos tóxicos que, ao se manexar sen a adecuación perimetral necesária ao redor das entulleiras, accede aos regos afluentes do Ulla, que, como sabemos, vai dar á ria de Arousa. Basta con botar un ollo ás lagoas que salpican as minas para comprobar cómo están carregadas de matéria orgánica procedente destes lodos e cómo, cando chove, sobordan e a agua contaminada vai dar aos regos Xeimar e Brandelos. Un exemplo máis da insustentabilidade do modelo industrial e selvícola de ENCE.

4/01/2008

A eucaliptización


A eucaliptización, un fenómeno galego con equivaléncias na Indonésia, Sudamérica, Laos, etc, ten a sua orixe na necesidade que teñen as celulosas en eliminar calquer alternativa produtiva baseada en madeiras autóctonas.


As cortas de carvallos e bidueiras acontecen con impunidade na terra Navia-Eo


Outras cortas na zona de Santa Columba, entre Boal e A Veiga


 O proceso continua pouco tempo despois co plantío de eucaliptos


Asi transforman o territorio e convirten os montes nun ermo, desvirtuando a nosa paisaxe e colonizando a economía rural

os stocks da perversión


Centos de miles de metros cúbicos de madeira queimada forman os stocks que moven a economía da perversión que as celulosas despregan nos tempos duros. Así como suscriven seguros con entidades bancárias para blindar-se ante os vaivéns do dólar, tamén teñen por costume aprovisionar-se de grandes cantidades de madeira a baixo prezo cando a tonelada de pasta de celulosa vai cara. Desta forma, cando o prezo atravesa por valores mui baixos, as celulosas galegas e lusas manteñen a competitividade abaratando custes de produción ao tirar da madeira queimada dos stocks. Na foto, madeira queimada no stock de PORTUCEL.

Tráfico de especuladores


Tras os lumes de 2005 e 2006, milleiros de toneladas de madeira de eucalipto foron retiradas dos nosos montes e malvendidas aos intermediários, que as colocaron maiormente nas cinco celulosas do noroccidente ibérico (Navia, Pontevedra, Figueira da Foz e Aveiro). Se no ano 2005 se estima en 800.000 m3 a cantidade extra de madeira barata que chegou ás celulosas, en 2006 e 2007 a cifra superaría os tres millóns. Na imaxe, os camións levan a madeira queimada, comprada a prezos de saldo nos montes galegos e agardan para a pesaxe na celulosa da CELBI.

1/18/2008

A frustrada entrada de Caixa Galicia en ENCE



A entrada de Caixa Galicia foi respondida pola sociedade galega de formas diversas. Mentres a APDR iniciaba unha campaña dirixida a desacreditar esta entidade diante da sua clientela, Erva chamaba á participación en concentracións de protesta diante da sua sucursal principal en Compostela. En ambos casos o obxectivo procurado era detacar a cumplicidade da Caixa Galicia na destrución do património forestal galego se seguía a participar en ENCE. Meses despois destas campañas e da explosión dun artefacto na sucursal central compostelana, José Luis Méndez anunciaba que Caixa Galicia abandonaba a sua aposta en ENCE.

Práticas silvícolas intensivas degradan os montes e perpetúan a eucaliptización






O modelo silvícola intensivo que NORFOR, filial forestal de ENCE, está a desenvolver en numerosos montes do país supón unha progresiva degradación dos recursos edáficos (a calidade do solo para o crecimento de árvores), pola sucesión de distintos turnos de crecimento de eucaliptos, pero tamén unha degradación acelerada pola execución de grandes subsolados e movimentos masivos de terra. Estes labores, que se executan despois da corta dunha parcela, propician a erosión e incluso a afección de cursos fluviais polo arrastre de terra e pedras tras episódios de grandes precipitacións. Para mostra, o acontecido en dous prédios de Norfor, Coto Muiño e O Vachao. Neste último, a enxurrada de terra e pedras foi dar ao rio Tambre.

A entrada en acción do Gonitero fai fracasar ao eucalipto como alternativa económica para os nosos montes





A presenza masiva dun gurgullo defoliador chegado á Galiza desde as antípodas, o Gonipterus acutellatus, coñecido xa popularmente como "o gonitero", está a ralentizar o crecimento dos eucaliptos en miles de hectareas de plantíos espallados por todo o país. Nen a luita biolóxica, nen a química, nen a "integrada", logran frear os efectos devastadores alí onde se propaga unha povoación deste insecto. Algúns proprietários están xa desfacendo-se de plantíos afectados que, tras 7 ou 8 anos de crecimento, non parecen recuperar-se tras os tratamentos e seguen sen medrar (a própria NORFOR esta-o facendo nalgún dos seus prédios). Un factor máis, pois, para reconsiderar o eucalipto como alternativa silvícola nos nosos montes.