5/07/2008

O PSOE sondea novos posicionamentos a respeito de ENCE





Que o Conselleiro de Medio Ambiente non é de fiar é algo que non paga a pena repetir. Tras a aprovación da autorizacion ambiental integrada a ENCE, segue a manter na recámara a sua xogada de levar a indústria ás Pontes, unha vez que o lago de ENDESA estea cheo. Este enganoso Traslado que agarda por un acordo coa celulosa que depende, mui posívelmente, dos cartos públicos que a Xunta estea disposta a mobilizar. Mentres, con esta autorización, o PSOE blinda por tres anos máis a permanéncia do complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán e abre un paréntese de duración indefinida no tema "traslado-peche", á espera do desgaste de Lores e do BNG en Pontevedra, e desprega un abano de posibilidades, entre as que estaría, unha vez máis, a permanéncia da celulosa en Lourizán. Mais non nos enganemos. Se o bipartido tivese valentía política hai tempo que terían decidido fechar-lle o camiño a ENCE, forza-la a procurar unha nova ubicación e condicionar-lle esta a cumprir unha série de obrigas, entre as que se encontrarían uns novos limites de produción e un novo proceso produtivo. Mais non son capaces nen de iso, e aqui tamén ten responsabilidade o conselleiro dos tarabelos. Por certo..., do BNG. De pouco serve ver nas manifestacións a Bieito Lobeira ou a Teresa Casal, tenente de alcalde do PSOE en Pontevedra. O xogo real está en San Caetano. E o enfraquecimento das posicións nacionalistas é manifesto.

Nenhum comentário: