10/23/2008

ENCE-Navia producirá 500.000 toneladas de celulosa ao ano no 2009
















A factoría de ENCE en Navia comezará a producir a un ritmo de 500.000 toneladas anuais a partir de finais desta ano 2008, levando a celulosa producida ao porto de El Musel de Xixón, para a sua exportación. O plano estratéxico de ENCE 2006-2009 contemplaba xa este incremento tras introducir melloras operativas nesta planta, que pasaría de 300 mil tn ás citadas 500 mil. Con este incremento e coa entrada en produción da factoría de Uruguai a multinacional pretende abaratar o custe de fabricación da pasta e baixar de 360 euros/tn a 253 euros/tn, afrontando desta forma en mellores circunstancias o ciclo de baixa que previsíbelmente afectará aos prezos da celulosa até o ano 2011 (ver plan estratéxico de ENCE no web da empresa). Sería interesante coñecer a contribución real a este obxectivo aportada pola compra de milleiros de toneladas de madeira queimada de eucalipto procedente dos montes ardidos no 2006 (existen estimacións de máis de tres millóns de metros cúbicos de madeira comprados pola ENCE), en operacións de mui escaso custe económico. Acompañamos unhas fotografías de ENCE-Navia.

10/08/2008

Os destrozos de Ibersilva, filial de ENCE, nos montes da Serra de Aracena, Huelva,









Que a silvicultura intensiva praticada por NORFOR na Galiza é un reflexo dun modelo amplamente extendido no mundo non nos sorprende. En calquer caso, como unhas boas imaxes falan máis do que contan as palabras, acompañamos várias fotografías tiradas nos montes da Serra de Aracena, en Huelva, en terrenos próximos ou incluidos dentro do denominado Parque Natural de la Sierra de Aracena y Aroche. Como se pode ver, a silvicultura agresiva propiciada pola indústria celulósica dista muito de ser sustentável. Ainda que a certificación forestal da FSC, a entidade certificadora máis próxima aos princípios conservacionistas, ten retirado a certificación da que gozaba a NORFOR, centos de hectareas de explotacións forestais intensivas na Sudamérica ou no sudeste asiático desfrutan ainda deste aval, o cal non fala nada en favor de FSC e de algunhas sociedades ecoloxistas que a apoian.

5/07/2008

O PSOE sondea novos posicionamentos a respeito de ENCE





Que o Conselleiro de Medio Ambiente non é de fiar é algo que non paga a pena repetir. Tras a aprovación da autorizacion ambiental integrada a ENCE, segue a manter na recámara a sua xogada de levar a indústria ás Pontes, unha vez que o lago de ENDESA estea cheo. Este enganoso Traslado que agarda por un acordo coa celulosa que depende, mui posívelmente, dos cartos públicos que a Xunta estea disposta a mobilizar. Mentres, con esta autorización, o PSOE blinda por tres anos máis a permanéncia do complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán e abre un paréntese de duración indefinida no tema "traslado-peche", á espera do desgaste de Lores e do BNG en Pontevedra, e desprega un abano de posibilidades, entre as que estaría, unha vez máis, a permanéncia da celulosa en Lourizán. Mais non nos enganemos. Se o bipartido tivese valentía política hai tempo que terían decidido fechar-lle o camiño a ENCE, forza-la a procurar unha nova ubicación e condicionar-lle esta a cumprir unha série de obrigas, entre as que se encontrarían uns novos limites de produción e un novo proceso produtivo. Mais non son capaces nen de iso, e aqui tamén ten responsabilidade o conselleiro dos tarabelos. Por certo..., do BNG. De pouco serve ver nas manifestacións a Bieito Lobeira ou a Teresa Casal, tenente de alcalde do PSOE en Pontevedra. O xogo real está en San Caetano. E o enfraquecimento das posicións nacionalistas é manifesto.